xoves, 7 de abril de 2022

Participación no XXX Rally Matemático sen Fronteiras

Este pasado mes de marzo dous grupos, cada un de 8 valentes, aceptaron o reto de participar na XXX edición do Rally Matemático sen Fronteiras. O xoves 24 de marzo o grupo de 2º B e o de 1º B resolveron en conxunto 5 problemas. Foi unha tarde de nervios, emoción e algunha risa.

 

Despois enviamos os resultados ao xurado e tocou esperar. Mais foi unha espera feliz, xa que aos poucos días descubrimos que o grupo de 1º B fora un dos 3 mellores de Galicia!!  

 

O seguinte paso foi ir a Santiago o día 1 de abril e, na solemne Facultade de Química, realizar outra proba matemática. Con algo de nervios, pero máis ilusión Icía, Carlos, Pablo, Antón, Iker, Raúl, Zoe e Zeltia aceptaron o reto e, pese a que non acadaron o primeiro lugar, fixeron un gran traballo.

 

Seguro que esta foi unha experiencia que non esquecerán. Esperemos que o curso que ven repitan e que tamén se apunten moitos máis compañeir@s!

 

Parabéns a todos os participantes e a Verónica Fraga Lamas, profesora de matemáticas de 1º B!






mércores, 16 de marzo de 2022

Resultados do concurso de fotografía matemática

 Bos días a tod@s!


Hoxe temos o pracer de presentarvos a fotografía gañadora do noso concurso de fotos matemáticas. Non imos a escribir moito máis, xa que, non é certo que vale máis unha imaxe que mil palabras?

 

 

"Caracola aurea"  de Bea 2º ESO A

 

Moitas gracias a tod@s por participar e felicidades á gañadora. 

Esperámosvos na edición do ano que ven!


luns, 14 de marzo de 2022

Feliz día de pi!

 E cando dicimos día de PI, queremos dicir día das matemáticas, xa que a UNESCO elixiu este día para conmemorar as matemáticas. Porén, o día de pi, como tal empezou a celebrarse en 1988 no museo Exploratorium de San Francisco. Todo xurdiu como unha broma entre varios dos empregados do museo e case 25 anos despois, temos actividades matemáticas neste día por todo o globo!

 

Pola nosa banda, como actividade para este día propoñémosvos realizar unha esopía.

Unha que...? estaredes dicindo. Pois ben, unha esopía é un relato, comentario ou poema, cun máximo de 141 carácteres, onde cada palabra leva un número de letras (non está permitido o uso de cifras) igual ás sucesivas cifras do número π.


Seguro que facedes esopías extraordinarias!




martes, 8 de marzo de 2022

8 de marzo, seguimos na procura de mulleres matemáticas...

 

Un ano máis para conmemorar o Día da Muller queremos propoñer de novo unha actividade para dar a coñecer o traballo de mulleres no campo das Matemáticas.

Queremos manter a tradición  e igual que o pasado curso, a actividade consiste no deseño dun marcapáxinas dedicado a unha matemática proposta polo Departamento. Unha das caras do marcapáxinas imprimirase cun deseño de Primaria e a outra cun deseño de Secundaria, e repartiranse entre todo o alumnado do centro.

Este ano a matemática que queremos dar a coñecer é Ada Lovelace. Que ademáis está considerada a primeira persoa "programadora" da historia.

 


Invitamos a todas e todos a que investiguedes un pouco para coñecer a súa vida, e inspirarvos para facer un deseño que inclúa a súa imaxe (debuxo, caricatura...), algún dos seus logros, debuxos, frases...

Podedes descargar a plantilla na que debedes deseñar o marcapáxinas aquí (ollo! imprimídea en tamaño A4) ou podedes pedir a plantilla impresa a calquera dos profes do Departamento (Jose ou Verónica).

Recolleremos os vosos deseños durante todo o mes de marzo.

Animádevos a participar!

luns, 7 de febreiro de 2022

Concurso de fotografía matemática

 As matemáticas están por todas partes e rodean a nosa realidade. Serás capaz de capturalas nunha foto?


Desde sansaludomates dámosche a oportunidade de mostrar o teu lado artístico convocando unha segunda edición do noso concurso de fotografía matemática.  Nesta entrada tes as bases e, se tes algunha dúbida, podes consultar co teu profesor/a de mates.


Anímate a participar e sorpréndenos coas túas fotos!


Escala titánica


II CONCURSO DE FOTOGRAFÍA MATEMÁTICA CPI SAN SADURNIÑO

BASES

  

    Pode participar TODO o alumnado do CPI San Sadurniño.

     Pode presentar fotografías, fóra de concurso, todo o profesorado e persoal non docente do centro.

     As fotografías tratarán de todo o relacionado con temas matemáticos: xeometría, simetría, cálculo, matemáticas na contorna, proporcionalidade, estatística…

     As fotografías deben ser orixinais, non se poden presentar fotografías sacadas de internet ou que non sexan realizadas polo concursante.

     As fotografías DEBEN IR acompañadas dun título e do nome e curso da persoa que as envía.

     Cada concursante poderá presentar dúas fotografías como máximo.

    O formato das fotos deberá ser JPG ou PNG

      As fotografías enviaranse á dirección: sansaludomates@cpisansadurnino.org indicando no título da mensaxe: concurso fotografía matemática.

     A data límite para entregar as fotos é o 28 de febreiro de 2022.

    - As fotografías enviadas publicaranse no blog do departamento para darlles publicidade.

     Un xurado formado por profesorado do centro elixirá a fotografía gañadora.

    O xurado valorará tanto a foto como o título.

    O concurso pode ser declarado deserto.

    A decisión sobre as fotografías gañadoras será inapelable.

      Todas as fotografías presentadas pasarán a ser propiedade do Departamento de Matemáticas do CPI San Sadurniño, que poderá facer uso das mesmas con fins educativos, indicando, en todo caso, o nome do autor/a.

     A participación no concurso implica a aceptación das bases.