martes, 21 de decembro de 2021

Calendario de Advento. Día 21

A escena da que falabamos no reto de onte é a protagonizada por Bender loitando contra un canguro na serie Futurama, por se queredes ver o momentazo matemático o compartimos con vos.

E despois de tanta pescuda chegamos ao final do Calendario de Advento. Moitas grazas a tod@s por participar, tralas vacacións de Nadal, anunciaremos a/as persoa/s gañadora/s.

Pero antes do merecido descanso un último enigma...


luns, 20 de decembro de 2021

Calendario de Advento. Día 20

 Charles Lutwidge Dogson foi un matemático británico do século XIX que publicou libros sobre lóxica e álxebra. Porén é máis coñecido polo seu alcume de Lewis Carroll, baixo o cal escribiu "Alicia no país das marabillas". Como xa te terás dado conta tras ler isto, a súa personaxe máis emblemática foi Alicia.


Para o enigma de hoxe abandonamos a literatura e imos directos ás series de televisión. Dende o punto de vista matemático a pregunta está centrada nos códigos numéricos; seguro que non é a primeira vez que escoitades falar do código binario.


Sorte detectives!




venres, 17 de decembro de 2021

Calendario de Advento. Día 17

Que tal detectives? Descubríchedes que grupo publicou nos 80 o album "The number of the beast"? Foi Iron Maiden, que, curiosamente, tamén ten un album chamado "Flight 666" un pouco máis actual, que apocalípticos eles... 

Pero imos ao tema! E é que Bruce Dickinson, o seu vocalista, estivo a piques de participar nas Olimpiadas de Barcelona no equipo de esgrima

Noraboa se o conseguiches e se non, non hai problema! hoxe traémosvos outro fresquiño...


xoves, 16 de decembro de 2021

Calendario de Advento. Día 16

 A resposta ao enigma de onte era o número 166.  Seguro que ao final conseguiches acertar, non si?

Tanto se foi así como se non... hoxe tes outra oportunidade! Se lembras o enigma do día pasado un dos números mencionados foi o "número apocalíptico". A nosa pregunta de hoxe está relacionada co mesmo.


Moita sorte e lembra que... o rock nunca morre!




mércores, 15 de decembro de 2021

Calendario de Advento. Día 15

A resposta ao enigma de onte era o río Bear Run. Nos anos 30 a familia Kaufmann encargouna coa idea de vivir con vistas á fervenza pero o arquitecto Lloyd Wright, todo un visionario, deseñouna sobre a fervenza e convertiuna así nunha construción única, exemplo de arquitectura orgánica e monumento nacional de EEUU.

E para hoxe temos preparado un reto para que practiquedes cálculo... 

Están permitidas as CALCULADORAS!!!!!


martes, 14 de decembro de 2021

Calendario de Advento. Día 14

 No enigma de onte buscábamos o nome de Ramón Silvestre Verea de Aguiar y García, nado en A Estrada en 1833. Este home, de vida fascinante foi periodista, enxeñeiro, escritor e inventor. O seu invento máis destacado foi a primeira calculadora mecánica capaz de realizar multiplicacións.


No enigma de hoxe veremos como os prismas revolucionaron a arquitectura e marcaron un estilo que leva sendo a vangarda durante 100 anos!


Moita sorte detectives!




luns, 13 de decembro de 2021

Calendario de Advento. Día 13

A resposta á pregunta de onte era o matemático precursor da teoría do caos Henri Poincaré, ao que as suas amizades lle puxeron ese alcume porque segundo eles debuxaba igual de mal coa dereita que coa esquerda. Non precisou do debuxo para pasar á Historia ;)

E o enigma de hoxe é o seguinte...


venres, 10 de decembro de 2021

Calendario de Advento. Día 10

 A resposta do enigma anterior era 1973. Ese foi o ano en que Pink Floyd sacaron o seu disco "The Dark Side of the Moon". Se non coñeces o grupo hoxe é un bo momento para que os descubras!


No enigma de hoxe veremos que pasa cando tes uns amig@s "graciosetes".


Sorte detectives!






xoves, 9 de decembro de 2021

Calendario de Advento. Día 9

 Á resposta ao enigma do venres pasado era o matemático, físico e enxeñeiro grego Arquímedes, que ademáis de ter unha espiral e un parafuso co seu nome ten unha divertida anécdota (ficticia ou non?) coa palabra EUREKA!

Sen máis... deixámosvos co enigma de hoxe!


venres, 3 de decembro de 2021

Calendario de Advento. Día 3

 A resposta á cuestión de onte era Máquina Enigma

Alan Turing quedou asociado no imaxinario popular a esta máquina... que curiosamente era a máquina que empregaban os alemáns, mentres que a máquina que deseñou Turing  como contra medida a Enigma chamábase Bombe.


No enigma de hoxe facemos unha viaxe ao pasado. Moita sorte!



xoves, 2 de decembro de 2021

Calendario de Advento. Día 2

 A resposta á pregunta de onte era India. Aínda que as actuais cifras chegaron a nós a través dos árabes o certo é que eles os colleron prestados no que agora é a actual India.

Para hoxe temos un novo enigma... SORTE!

mércores, 1 de decembro de 2021

Calendario de Advento. Día 1

 

Benvid@s ao noso calendario de advento 2021! 

A partir de hoxe e ata o día 21 teredes, cada día lectivo, un enigma que resolver. As respostas tédelas que fornecer na Aula Virtual do centro, lembrade que cantos máis enigmas resolvades máis puntos acumularedes e máis posibilidades teredes de conseguir un premio aos/ás mellores detectives!






luns, 29 de novembro de 2021

Calendario de Advento para Primaria

Boas

Queremos compartir un pequeno traballo que fixemos dende o Departamento de Matemáticas para experimentar con novos recursos e aplicacións.

Trátase dun Calendario de Advento Interactivo para que fagades a conta atrás ata o Nadal resolvendo cada día de clase un problema.

Agardamos que vos guste!


2ª edición do Calendario de Advento

 

Desde SansaLudoMates propoñémosvos a segunda edición do noso Calendario de Advento, co que contaremos os días que quedan ata as vacacións de Nadal.

 Cada día que queda de clase teredes un enigma para resolver. Neste blog irán aparecendo cada mañá enigmas para que investiguedes un pouco. Despois teredes que introducir a resposta na aula virtual e.... a sumar puntos!

Á volta das vacacións haberá un agasallo para @s mellores detectives matemátic@s. 

Animádevos a participar e boa sorte detectives!


martes, 9 de novembro de 2021

Breakout da Semana da Ciencia e a Tecnoloxía 2021

Para conmemorar a Semana da Ciencia e da Tecnoloxia de 2021 imos ter unha pequena aventura dixital. Houbo unha crise no centro e soamente vos podedes solucionala!!





Esta actividade foi creada polos departamentos de Bioloxía e Xeoloxía, Tecnoloxía e Matemáticas. Esperamos que o pasedes ben! 


 Nos comentarios desta entrada podedes contarnos que vos pareceu en xeral, ou respostar a preguntas do tipo, foi: divertida? Aburrida? Fácil? Difícil? 
 Que cambiariades? Gustaríavos volver a facer algo similar? 


 Un saúdo e sorte detectives!

mércores, 3 de novembro de 2021

Semana da Ciencia e a Tecnoloxía 2021

 

A Semana da Ciencia e a Tecnoloxía é a iniciativa de divulgación científica máis importante de España. Este ano celébrase entre o 1 e o 14 de novembro.

Desde o ano 2001 organízase a nivel nacional co obxectivo de achegar a ciencia ao público de todas as idades e fomentar o gusto polo coñecemento científico.

imaxe de freepik

A súa principal característica é que as institucións e centros de investigación abren as súas portas durante dúas semanas para que os cidadáns poidan coñecer os últimos avances da ciencia.

A vindeira semana teremos actividades propias para celebrar a Semana da Ciencia e a Tecnoloxía!

 



luns, 14 de xuño de 2021

Eclipse en Sansa

Alumnado agardando para ver a eclipse
Dende SansaLudoMates queremos agradecer a toda a comunidade educativa a vosa participación na observación da eclipse do pasado xoves. Todas e todos fixestes deses minutos fascinantes todo un éxito.

venres, 4 de xuño de 2021

Preparándonos para a eclipse

Hai uns días anunciabamosvos a eclipse solar do vindeiro día 10. 

Hoxe animámosvos a todas e todos, alumnado e profesorado, a desfrutar do espectáculo.

venres, 28 de maio de 2021

Eclipse de sol

Ola, rapazada.

O vindeiro día 10 de xuño a lúa vaise meter no medio entre nós e o sol. E hai que aproveitar que Galicia é o mellor sitio da Península Ibérica para ver este eclipse parcial.

Desde SansaLudoMates estamos a preparar algo para que podades desfrutar dese espectáculo, que terá lugar en horario lectivo. Estade atentas ao blog para prepararvos. Iremos presentándovos a actividade e aquelas partes nas que tedes que participar.

Ata pronto. Volvemos con máis novas.

mércores, 19 de maio de 2021

Clausura da nosa Feira Virtual

Dase por pechada a nosa Feira Matemática Virtual deste curso. Queremos agradecervos o tempo investido, sen a vosa participación non sería posible, moitas grazas a todas e todos!

Pero temos que facer dúas mencións especiais:

Ao alumnado de 1ºESO-B que resolveron o maior número de xogos de fuga, NORABOA DETECTIVES!

E ao alumnado de infantil que sempre está disposto a participar e traballar nas nosas propostas, velaquí o marabilloso resultado:

 Agardamos que na Feira do vindeiro ano poidamos compartir xogos xunt@s!


mércores, 12 de maio de 2021

O noso particular día das MATES


 

Hoxe celebramos o Día Escolar das Matemáticas e tamén o Día Internacional da Muller Matemática!

A nosa Feira Matemática Virtual estará aberta durante toda a semana con tres recunchos de actividades para todas as idades.

Agardamos participedes e compartades con nós o voso traballo!

martes, 11 de maio de 2021

Fallo do concurso de fotografía

Como estaba previsto, hoxe faise pública a fotografía gañadora do concurso "Matemáticas nun clic en Sansa".

martes, 27 de abril de 2021

Exposición de Papiroflexia


Durante todo o día de hoxe terá lugar unha pequena exposición de pezas de papiroflexia (origami) no noso colexio. Poderedes desfrutar dela no patio interior do edificio de secundaria.

Na exposición atoparedes distintos tipos de pezas, dende pezas construídas cun so pedazo de papel ata figuras modulares formadas por ducias ou centos de peciñas iguais.

Observade a sección de "Isto non é papiroflexia" e matinade sobre a diferencia que teñen coas outras figuras para se descartaren.

A continuación tendes varios enlaces para saberdes un pouquiño máis de papiroflexia e intentardes facer algunha figura. Animádevos a buscar máis e non esquezades enviarnos fotografías das vosas creacións!!

Peixe.

Ra saltarina

Lentes. É máis doado facelos que ver por eles.

Marionetas de dedos.

Módulos Sonobe. Deseño de cada módulo e construción de distintos poliedros.

Cisne. Origami en 3D con módulos chineses.

luns, 26 de abril de 2021

Circunferencias

Hoxe toca ensinar e presumir do traballo do noso alumnado.

As rapazas e rapaces de 4º de ESO construiron as súas propias circunferencias goniométricas para traballar a trigonometría. Aquí deixamos unhas mostras do seu estupendo traballo.



luns, 19 de abril de 2021

Fallo do concurso de puntos de lectura

Por fin chegou o momento!!

Xa temos resultados para o concurso de puntos de lectura deste curso.

Na sección de Primaria o premio declárase deserto.

Na sección de Secundaria o deseño gañador é o de Alma P. S. de 2ºESO-A.

Parabéns á gañadora e grazas a todos e todas as participantes. Nada disto é posible sen vós.

Antes de rematar o curso poderedes desfrutar do voso marcapáxinas co novo deseño.

PD: Non esquezades participar no concurso de fotografía este mes.

xoves, 15 de abril de 2021

Mais vale tarde...

Bo día a tod@s!

Hoxe mostrámosvos o resultado do día no que @s nos@s peques do centro pintaron o número PI. Ademáis, tod@s el@s sabían algunha cousiña deste número tan especial, sobre todo, tiñan moi claro que é un número moi, moi longo... e se non o credes mirade...


 


domingo, 14 de marzo de 2021

Non me aclaro... que celebramos hoxe?

 

Hoxe é 14 de marzo. Malia que leva anos celebrándose este día nalgúns países como o día do número PI, dende o ano 2020 conmemórase tamén o Día Internacional das Matemáticas polo que, durante uns días, fanse actividades por todo o mundo e a todos os niveis, dende xogos en colexios e concursos estatais a conferencias e xuntanzas internacionais de matemátic@s.

Alguén sabe por que anda por aí ese señor?... Se alguén sabe quen é e que relación pode ter co día de hoxe pode comentalo con nós, esperamos as vosas aportacións!

Nós faremos algunha chiscadela a este día durante a xornada de mañá no cole e compartirémola con vós a través do blog.

FELIZ DíA!

luns, 8 de marzo de 2021

E hoxe é... 8 DE MARZO

E para conmemorar o día da Muller queremos propoñer de novo unha actividade para dar a coñecer o traballo de mulleres no campo das Matemáticas.

Igual que o pasado curso, a actividade consiste no deseño dun marcapáxinas dedicado a unha matemática proposta polo Departamento. Unha das caras do marcapáxinas imprimirase cun deseño de Primaria e a outra cun deseño de Secundaria, e repartiranse entre todo o alumnado do centro.

Este ano a matemática que queremos dar a coñecer é a galega María Wonenburger.

Invitamos a todas e todos a que investiguedes un pouco para coñecer a súa vida, e inspirarvos para facer un deseño que inclúa a súa imaxe (debuxo, caricatura...), algún dos seus logros, debuxos, frases...

Podedes descargar a plantilla na que debedes deseñar o marcapáxinas aquí (ollo! imprimídea en tamaño A4) ou podedes pedir a plantilla xa impresa en Xefatura de Estudos de Secundaria.

Recolleremos os vosos marabillosos deseños durante todo o mes de marzo.

Animádevos a participar!

mércores, 3 de marzo de 2021

Máis coleccións

 Hai uns días presentabamos a actividade de coleccións colaborativas. Hoxe temos unha novidade.

luns, 22 de febreiro de 2021

Coleccións conxuntas

 Hoxe voltamos con vós para presentarvos nunha nova actividade que desenrolaremos dende o proxecto SansaLudoMates.

luns, 11 de xaneiro de 2021

Os retos matemáticos en Infantil

Non nos podemos esquecer dos nosos pequechos e pequechas de infantil que tamén traballaron duro para resolver os seus retos de Advento!

Noraboa PEQUEMATEMÁTIC@S!




venres, 8 de xaneiro de 2021

Gañadores do Calendario de Advento

Voltamos nun novo ano coas enerxías renovadas e con ganas de máis.

Polo pronto toca anunciarvos aos gañadores e gañadora do calendario de Advento co que rematamos o ano.

En Primaria temos un empate na cabeza do concurso. Os gañadores son Diego GC (5ºB) e Brais SS (5ºA).

En Secundaria o podio da competición queda do seguinte xeito.

  1. Nelson BL(1ºB).
  2. Uxía LP (1ºA).
  3. Iria MM (1ºA).

A gañadora entre as vosas profes é Rocío (Física e Química).

Parabéns a todos os gañadores. E a aqueles que non o conseguistes, noraboa e grazas pola vosa participación. Non perdades o ánimo, haberá máis oportunidades para facelo. Non deixedes de seguirnos.