Hai uns días anunciabamosvos a eclipse solar do vindeiro día 10.
Hoxe animámosvos a todas e todos, alumnado e profesorado, a desfrutar do espectáculo.
A eclipse producirase o vindeiro xoves 10 de xuño pola mañá. Nestas latitudes será unha eclipse parcial que chegará somentes ao 13%. A máxima superposición da lúa terá lugar arredor das 11:45, polo que esa será a mellor hora para botar un ollo.
Como sabedes, NON SE PODE mirar ao sol directamente. Nin con eclipse nin sen ela. Corredes o risco de queimar parte da vosa prezada retina. Tampouco serven "trucos" coma usar lentes de sol normais ou radiografías.
Para observar a eclipse farémolo a través da súa proxección. Instalaremos no exterior un telescopio solar no que poder observalo. Pero este ano non podemos amorearnos nun mesmo lugar, así que cada quen deberá preparar a súa propia caixa escura, para proxectar o sol e poder facer a observación con garantías para a súa retina e seguindo o protocolo vixente.
Non precisaredes ningún material especial, só cousiñas que todas temos pola casa. Esta é a lista de materiais necesarios:
- Unha caixa de cartón. Unha caixa de cereais é suficiente e doada de manipular.
- Unha coitela ou tesoira. A coitela permite facer mellor as xanelas.
- Un folio (ou cartón branco) para facer a pantalla interior.
- Pegamento para pegar a pantalla.
- Un pedazo de papel de aluminio para a xanela de entrada do sol.
- Cinta adhesiva (preferentemente opaca) para pegar e tapar ocos.
- Un alfinete ou punzón para facer o obxectivo. Canto máis estreito, mellor.
Deixamos un vídeo de como construír a vosa caixa escura de observación. Non é moito esforzo, paga a pena o traballo para desfrutar do espectáculo que a natureza nos ofrece.
Consellos:
- Canto máis longa é a caixa mellor é a proxección. Pero non vos pasedes, que tamén debe ser manexable.
- A observación mellora coa escuridade da caixa. Polo tanto, é recomendable tapar con cinta adhesiva opaca os ocos que forman as solapas.
- Pola mesma razón é conveniente non facer moi grande a xanela de observación (onde poñemos o ollo).
- O buratiño por onde debe entrar o sol debe ser perfectamente circular. Se non é circular, a proxección tampouco o será. Ademais debe ser o máis pequeno posible, de aí que un alfinete sexa unha boa opción para facelo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario