luns, 7 de febreiro de 2022

Concurso de fotografía matemática

 As matemáticas están por todas partes e rodean a nosa realidade. Serás capaz de capturalas nunha foto?


Desde sansaludomates dámosche a oportunidade de mostrar o teu lado artístico convocando unha segunda edición do noso concurso de fotografía matemática.  Nesta entrada tes as bases e, se tes algunha dúbida, podes consultar co teu profesor/a de mates.


Anímate a participar e sorpréndenos coas túas fotos!


Escala titánica


II CONCURSO DE FOTOGRAFÍA MATEMÁTICA CPI SAN SADURNIÑO

BASES

  

    Pode participar TODO o alumnado do CPI San Sadurniño.

     Pode presentar fotografías, fóra de concurso, todo o profesorado e persoal non docente do centro.

     As fotografías tratarán de todo o relacionado con temas matemáticos: xeometría, simetría, cálculo, matemáticas na contorna, proporcionalidade, estatística…

     As fotografías deben ser orixinais, non se poden presentar fotografías sacadas de internet ou que non sexan realizadas polo concursante.

     As fotografías DEBEN IR acompañadas dun título e do nome e curso da persoa que as envía.

     Cada concursante poderá presentar dúas fotografías como máximo.

    O formato das fotos deberá ser JPG ou PNG

      As fotografías enviaranse á dirección: sansaludomates@cpisansadurnino.org indicando no título da mensaxe: concurso fotografía matemática.

     A data límite para entregar as fotos é o 28 de febreiro de 2022.

    - As fotografías enviadas publicaranse no blog do departamento para darlles publicidade.

     Un xurado formado por profesorado do centro elixirá a fotografía gañadora.

    O xurado valorará tanto a foto como o título.

    O concurso pode ser declarado deserto.

    A decisión sobre as fotografías gañadoras será inapelable.

      Todas as fotografías presentadas pasarán a ser propiedade do Departamento de Matemáticas do CPI San Sadurniño, que poderá facer uso das mesmas con fins educativos, indicando, en todo caso, o nome do autor/a.

     A participación no concurso implica a aceptación das bases.

 

 


domingo, 30 de xaneiro de 2022

Actividades para o Día Mundial do Rompecabezas

 O 29 de xaneiro celébrase o Día Mundial do Rompe cabezas, tamén coñecido nos países anglosaxóns como "Puzzle Day".

Este curso, fixemos varias actividades conmemorativas en 1º, 2º e 4º da ESO. Por unha banda xogamos ao Tetris, un rompe cabezas dixital que leva triunfando desde os anos 80.

 

Ademais, un simpático grupo de leprechaun foi de excursión ao castelo de Naraío e perdeuse algún polo camiño!

 

Aínda que o Día do Rompe cabezas xa pasou non deixedes de exercitar o cerebro con estes divertidos pasatempos.




luns, 10 de xaneiro de 2022

Resultados da 2ª edición do Calendario de Advento

 Ano novo e enerxías renovadas, así comezamos este 2022 no Departamento de Matemáticas, e vos?

Polo pronto toca anunciarvos aos gañadores da segunda edición do Calendario de Advento co que rematamos o ano 2021.

A competición estivo tan axustada que… non temos 1 gañador, nin 2, nin 3, senón que temos 5 gañadores/as!

Esta é a lista de persoas que conseguiron acertar 9 dos 12 enigmas.

Nelson BL  2º ESO

Ainoa BP  1º ESO

Carolina CS  2º ESO

Zoe CS  1º ESO

Uxía LP 2º ESO

 

Parabéns aos  5 gañadores. E aos 51 que non o conseguistes, nora boa e grazas pola vosa participación. Non perdades o ánimo, haberá máis actividades nas que participar!

martes, 21 de decembro de 2021

Calendario de Advento. Día 21

A escena da que falabamos no reto de onte é a protagonizada por Bender loitando contra un canguro na serie Futurama, por se queredes ver o momentazo matemático o compartimos con vos.

E despois de tanta pescuda chegamos ao final do Calendario de Advento. Moitas grazas a tod@s por participar, tralas vacacións de Nadal, anunciaremos a/as persoa/s gañadora/s.

Pero antes do merecido descanso un último enigma...


luns, 20 de decembro de 2021

Calendario de Advento. Día 20

 Charles Lutwidge Dogson foi un matemático británico do século XIX que publicou libros sobre lóxica e álxebra. Porén é máis coñecido polo seu alcume de Lewis Carroll, baixo o cal escribiu "Alicia no país das marabillas". Como xa te terás dado conta tras ler isto, a súa personaxe máis emblemática foi Alicia.


Para o enigma de hoxe abandonamos a literatura e imos directos ás series de televisión. Dende o punto de vista matemático a pregunta está centrada nos códigos numéricos; seguro que non é a primeira vez que escoitades falar do código binario.


Sorte detectives!