mércores, 5 de xuño de 2019

Alguén dubida aínda da utilidade das matemáticas...?

Se hai unha semana, o xornal El País daba publicidade aos estudos de Matemáticas, falando dunha empleabilidade do 100% para o alumnado que remata estes estudos, onte atopámonos na web de CRTVG o mesmo titular:

"100% de emprego e unha chea de saídas laborais"

E é que as matemáticas non son útiles soamente polas suás aplicacións prácticas en multitude de disciplinas senón polas competencias que desenvolven en nós cando as traballamos!

domingo, 19 de maio de 2019

I Feira SansaLudoMates

O día 12 de maio de cada ano celébrase o Día Escolar das Matemáticas e quixemos aproveitar esta data para facer algo especial co que promover a nosa materia. Por iso eliximos o día 14 de maio para organizar unha pequena feira na que compartir xogos e actividades.
Dende o Departamento de Matemáticas queremos darlle as grazas a un montón de persoas que fixeron posible este proxecto:
- A todo o persoal do centro por colaborar e ofrecer a súa axuda para a montaxe da feira.
- A todo o profesorado de Infantil e Primaria por confiar en nós e dicir que si antes de saber onde se metían.
- A todo o alumnado de Infantil e Primaria que compartiu con nós ese día, esperamos que quedasen con ganas de repetir.
- E sobre todo as GRAZAS con maiúsculas ás nosas axudantes de Secundaria: Icía, Lucía, Alicia, Irene, Sol, Paula, Carme e Antía, porque sen elas non poderíamos telo feito. Moitas grazas nenas!
Convidamos a todas e todos a participar o vindeiro ano para poder repetir a experiencia!
En breve compartiremos algunha foto da Feira...

xoves, 28 de marzo de 2019

Retomando o traballo...

Despois do Entroido e do final da segunda avaliación, retomamos o traballo dos obradoiros dos martes para preparar a I Feira SansaLudoMates, un espazo que teña como protagonistas o xogo educativo e as matemáticas. O noso obxectivo nesta primeira edición é poñer a semente para que en vindeiros anos poidamos convertir esta actividade nun referente de convivencia e diversión.
Este ano, para comezar, prepararemos unhas actividades e xogos para o alumnado de Infantil e Primaria, supervisados e dirixidos por alumnado de Secundaria.
No Obradoiro deste martes tocou análise de xogos, o que inclúe comprensión das instrucións, valoración da adecuación para nenas e nenos de distintas idades... e por suposto posta en práctica dos mesmos!


xoves, 31 de xaneiro de 2019

Día Internacional do CREBACABEZAS!

Como temos días para todo... este martes, 29 de xaneiro, celebrábase o Día Internacional do Crebacabezas!
Os crebacabezas son xogos con moitísimos beneficios para o desenvolvemento das nosas nenas e nenos (para ver algúns deles podedes ler aquí), por iso quixemos aportar o noso graíño de area á promoción deste xogo, fabuloso en todas as suas variantes.




Aproveitamos o obradoiro do martes para facer un crebacabezas tradicional pero con sorpresa... un crebacabezas reversible.
Noraboa Sol, Paula, Irene e Carme por ese gran traballo en equipo en tempo récord!


E no tempo de lecer de hoxe organizamos un pequeno concurso de Tangram por parellas.
Felicitar as gañadoras: Lucía e Alicia, de 3º de ESO e darvos, a todas e todos os participantes, as grazas polo entusiasmo mostrado. Iso nos alenta a organizar máis actividades coma estas.

MOITAS GRAZAS!!!!

domingo, 20 de xaneiro de 2019

Este martes tivemos xornada de investigación

Que relación existe entre a lonxitude dunha circunferencia e o seu diámetro?


Sinxelo non? Se dividimos a lonxitude dunha circunferencia entre o seu diámetro sempre obtemos o número 𝝿!