domingo, 19 de maio de 2019

I Feira SansaLudoMates

O día 12 de maio de cada ano celébrase o Día Escolar das Matemáticas e quixemos aproveitar esta data para facer algo especial co que promover a nosa materia. Por iso eliximos o día 14 de maio para organizar unha pequena feira na que compartir xogos e actividades.
Dende o Departamento de Matemáticas queremos darlle as grazas a un montón de persoas que fixeron posible este proxecto:
- A todo o persoal do centro por colaborar e ofrecer a súa axuda para a montaxe da feira.
- A todo o profesorado de Infantil e Primaria por confiar en nós e dicir que si antes de saber onde se metían.
- A todo o alumnado de Infantil e Primaria que compartiu con nós ese día, esperamos que quedasen con ganas de repetir.
- E sobre todo as GRAZAS con maiúsculas ás nosas axudantes de Secundaria: Icía, Lucía, Alicia, Irene, Sol, Paula, Carme e Antía, porque sen elas non poderíamos telo feito. Moitas grazas nenas!
Convidamos a todas e todos a participar o vindeiro ano para poder repetir a experiencia!
En breve compartiremos algunha foto da Feira...

xoves, 28 de marzo de 2019

Retomando o traballo...

Despois do Entroido e do final da segunda avaliación, retomamos o traballo dos obradoiros dos martes para preparar a I Feira SansaLudoMates, un espazo que teña como protagonistas o xogo educativo e as matemáticas. O noso obxectivo nesta primeira edición é poñer a semente para que en vindeiros anos poidamos convertir esta actividade nun referente de convivencia e diversión.
Este ano, para comezar, prepararemos unhas actividades e xogos para o alumnado de Infantil e Primaria, supervisados e dirixidos por alumnado de Secundaria.
No Obradoiro deste martes tocou análise de xogos, o que inclúe comprensión das instrucións, valoración da adecuación para nenas e nenos de distintas idades... e por suposto posta en práctica dos mesmos!


xoves, 31 de xaneiro de 2019

Día Internacional do CREBACABEZAS!

Como temos días para todo... este martes, 29 de xaneiro, celebrábase o Día Internacional do Crebacabezas!
Os crebacabezas son xogos con moitísimos beneficios para o desenvolvemento das nosas nenas e nenos (para ver algúns deles podedes ler aquí), por iso quixemos aportar o noso graíño de area á promoción deste xogo, fabuloso en todas as suas variantes.




Aproveitamos o obradoiro do martes para facer un crebacabezas tradicional pero con sorpresa... un crebacabezas reversible.
Noraboa Sol, Paula, Irene e Carme por ese gran traballo en equipo en tempo récord!


E no tempo de lecer de hoxe organizamos un pequeno concurso de Tangram por parellas.
Felicitar as gañadoras: Lucía e Alicia, de 3º de ESO e darvos, a todas e todos os participantes, as grazas polo entusiasmo mostrado. Iso nos alenta a organizar máis actividades coma estas.

MOITAS GRAZAS!!!!

domingo, 20 de xaneiro de 2019

Este martes tivemos xornada de investigación

Que relación existe entre a lonxitude dunha circunferencia e o seu diámetro?


Sinxelo non? Se dividimos a lonxitude dunha circunferencia entre o seu diámetro sempre obtemos o número 𝝿!

xoves, 20 de decembro de 2018

Xornada lúdica antes de Nadal

Despois de días de moito traballo, exames... que mellor que un ratiño xogando! Eso si, poñendo a funcionar esas cabeciñas... con xogos de lóxica e visión espacial.
Moitas grazas a David e Daniela por prestarnos estes xogos! Son un agasallo perfecto para sorprender nestas datas porque ofrecen moito máis ca diversión!